A Mancomunidade Terra de Celanova participa durante o ano 2026 no programa de prevención e defensa contra os incendios forestais promovido pola Consellería do Medio Rural, mediante a sinatura dun convenio de colaboración coas mancomunidades do Ribeiro, Verín, O Carballiño, Ourense e Santa Águeda.
Este convenio consolida un programa integrado por 22 brigadas de prevención e extinción de incendios forestais que prestarán servizo durante un período de seis meses, reforzando a capacidade de prevención, vixilancia e apoio á extinción de incendios forestais no territorio da provincia de Ourense.
No marco deste programa, a Mancomunidade Terra de Celanova dispón de catro brigadas forestais que desenvolven labores de prevención, vixilancia e defensa contra os incendios forestais nos municipios integrantes da entidade.
A actuación conta cun financiamento máximo de 348.000 euros para a Mancomunidade Terra de Celanova.
As actuacións de prevención están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, cunha contribución do 80 % do FEADER, do 16 % da Administración Xeral do Estado e do 4 % da Xunta de Galicia.
Con esta iniciativa refórzase a colaboración entre administracións públicas para a protección do monte galego, contribuíndo á redución do risco de incendios forestais e á mellora da seguridade das persoas, dos núcleos de poboación e dos recursos naturais do territorio.
