Domingo, 19 de Maio do 2013
 
 
Historia PDF Imprimir Correo-e

 

 

         Os patrimonio_cultural_4.pngvestixios dos Castros de Trelle (San Miguel de Berredo) e Castromao demostran que a comarca de Celanova estaba habitada anteriormente á chegada dos romanos. Entre estes pobos prerromanos destácanse os Coelerni, que son os que realizaron o pacto co romano Gneo Antonio Aquilo Novaugustiano, no cargo de perfecto da cohorte dos Celtíberos no ano 132 d.C.

 

             A comarca estaba situada na órbita da VÍA XVIII (vía que parte dende Braga, para pasar por Galicia ata chegar a Astorga) explicando en parte a forte romanización que sufrirá anos despois. Proba desta romanización é o achado de moedas romanas en Castromao e outros vestixios arqueolóxicos que actualmente están no Museo Arqueolóxico de Ourense.

 

Aínda que estes achados históricos son moi importantes, non se podepatrimonio_cultural.png concebir a historia da comarca sen facer referencia ó Mosteiro de Celanova e á familia de San Rosendo, de sangue real. Son destacables o uso e funcións que lle deu ás terras que lle foron cedidas ó conde Don Gutierre Méndez (o pai de San Rosendo) polo rei Don Sancho de Galicia, ou a cesión a San Rosendo do lugar de Vilar por Froila e Sarracina (irmá e dona) para a construcción dun templo ó Salvador (cenobio da Corte de San Bento) xa dende a data de fundación do mosteiro (12 de setembro do ano 936). Dita cesión será confirmada polos reis de León, Ramiro II e Ordoño IV.

 

             As adhesións dalgúns conventos dúplices da Diócese de Ourense ó mosteiro de Celanova danse ó pouco de ser fundado, e posteriormente, no ano 1193 Fernando III “o santo” confirmará as doazóns de diferentes lugares realizadas anos antes por Don Alfonso VII. Así, o mosteiro extendeu os seus dominios ata terras de Monterrei, Alta Limia e o Ribeiro, disfrutando de numerosas rendas, vilas, casas, hortas, muíños, pesqueiras, as salinas de Gallegos de Lampreana e Requejos (o que é na actualidade a provincia de Zamora). A abadía convértese na máis importante da España do século XI, facendo que o seu abade sexa o que máis títulos teña no seu haber: marqués de Sande, conde de Bande, capelán real, arcedíano de terras de Celanova na Diócese de Ourense

 

             En definitiva, un señor eclesiástico e laico que ten privilexio real, confirmado en 1284 por Sancho IV o cal lle deu a potestade de nomear xuíces e notarios, e cobrar foros aos seus vasalos entre outros patrimonio_cultural_1.pngprivilexios feudais. Pero o cargo máis importante que rexentou o abade era o de “Pertigueiro Maior”, fundado por San Rosendo e un dos máis importantes do Reino de Galicia; a súa misión como tal consistía en “defender as cousas da Igrexa e da casa”, e para elo tíñaselle que proporcionar aloxamento e os servizos que nel se ofrecesen. Por estes privilexios e porque soamente existían dous (o de Celanova e o pertencente á Catedral de Santiago de Compostela), o cargo de “Pertigueiro Maiore” era moi pretendido. Na carta de poboación que o abade don Paio concede en 1183 aos veciños que pretendesen habitar na vila de Verín, estipulábase que tiñan que dar a cuarta parte dos froitos das súas terras ó mosteiro de Celanova, confirmando así o poderío que o abade co seu cargo exercía máis alá da vila e os seus arredores.

 

                Tamén nesta época establécese a normativa de que os habitantes de Celanova non puidesen levantar andares nas casas situadas preto do mosteiro, e que en ningún momento superasen a altura das ventás do mesmo; actualmente, a norma que se respeta é a de non construir edificios máis altos ca o campanario da igrexa de San Salvador, permitindo así que este se poida ver dende case tódolos puntos da vila. Por outro lado, é de destacar a acción social e económica na comarca dos monxes do mosteiro de Celanova; no 991 usaron estas instalacións como un establecemento de crédito agrícola (realizábanse préstamos ós labregos), e máis adiante conseguiron a construcción dunha obra de rego que consistía en dúas canles dun metro de ancho a ambolos dous lados do río Tuño (Ramirás) e que levaban a auga ás terras dos labregos deste concello; a pesares de que por este servicio de rego cobrábase un canon, supón o inicio da grande fertilidade da que goza actualmente esa zona. Esta obra é a que Vicente Risco chama “as Levadas” do río Tuño. No 1002 d.C., tempos do abade Manilano (922-1012, sucesor de San Rosendo), recóllese documentalmente a existencia de varias cátedras, estudios e letras que fixeron de Celanova un foco de ciencia e erudición.

 

                A mediados do século XI, o cronista Esteban de Celanova recolle os milagres de San Rosendo unha vez morto o santo; esta obra sería rematada no ano 1189 por Ordoño de Celanova, autor que recolleu ademáis a vida. No século XIII o mosteiro sofre un declive económico ó descende-las rendas percibidas, e como consecuencia sonpatrimonio_cultural_2.png cedidas parte das súas terras ós colonos para que as traballen. Isto é un dos síntomas das numerosas dificultades que os abades tiveron que enfrontar para soster tan grande patrimonio acumulado durante anos. Mesmo o bispo de Ourense da época, Don Martín, mantivo un pleito con eles que se tivo que solucionar coa intervención do papa Uxío III e o rei Alfonso VII. Prodúcese a rebelión dos Irmandiños tamén durante a Idade Media, pero (por sorte para os abades de Celanova) caen derrotados e son obrigados a reconstruír as fortalezas que destruíran, entre ellas Vilanova dos Infantes e Milmanda.

 

                Os nobres tamén tentaron posuír parte do patrimonio do mosteiro, pero a intervención directa dos Reis Católicos en contra da nobreza defendeu ó mosteiro dun declive seguro. Un exemplo destes intentos de ocupación forzosa é o do castelo de Santa Cruz de Rabal polo conde Don Alfonso de Pimentel. Tras esta época de desorden que afectou profundamente á vida monacal, os abades buscan mellora-la súa situación e conseguen a adhesión do mosteiro á unión de mosteiros benedictinos de San Bento o Real de Valladolid, que lle permitiu recuperar parte do seu explendor perdido. 

 

                Pero non todo foi negativo no transcurso da Baixa Idade Media, xa que o ano 1165 sinálase esencial nas relacións entre o Reino de Galicia e o de Portugal porque se reunen en Celanova o Rei Fernando II e o Rei Alfonso I, pactando o “Tratado de Celanova”, que fixa lindes patrimonio_cultural_3.pngde cada reino e territorios que cada un debería conquistarlle ós árabes. Hai que sinalar que a ubicación desta reunión non é compartida por todos, xa que algúns sinalan que se produciu na rectoral de Santa Maria de Pao, no concello de Gomesende, onde se conserva un pontillón dinominado Porta Real. Sexa como fora, posteriormente a este tratado, Fernando II cásase coa Infanta Urraca de Portugal.  Pero as relacións entre España e Portugal non sempre foron boas, xa que mantiveron varias guerras que unidas á guerra de Sucesion Española pasaron boa factura ó mosteiro de Celanova. No 1823 sofre unha primeira enclaustración, e coa Desamortización de Mendizábal no 1837 esta faise definitiva. Entón, a igrexa convírtese en parroquia e salva en parte a súa identidade; cédenselle ó Concello entón as súas posesións e as obras de arte que puideron salvaguardar.

 

                A documentación que se tiña, enviouse a meirande parte ó Arquivo Histórico Nacional. Pero aínda quedaba un último contratempo para a comarca: comezaron as guerras carlistas e un dos seus cabecillas, Romero, sembrou o pánico entre as xentes ata que foi apresado en Celanova e executado no 1848.  

 

San Rosendo 

                Non hai unanimidade no lugar de nacemento desta figura tan significativa para a comarca; segundo uns, naceu en Santo Tirso (Portugal) e segundo outros en Lugar de Cela (Lobios). Ademáis da educación teolóxica, recibiu unha educación nas armas propia dos nobres sendo xa ós 18 anos unha figura de referencia polas súas virtudes cívico-morais. O rei Sancho (do que xa se falou no apartado anterior) nomeouno virrei de Galicia, despois de loitar con valentía contra dos normandos e dos mouros, obrigándoos a reembarcarse e alonxarse alén do Douro.

                Anteriormente a funda-lo Mosteiro de San Salvador de Celanova, erexiu o mosteiro de Caaveiro. Rexeu numerosas dióceses (Mondoñedo, Iria de Galicia, Dumio de Portugal...) pero finalmente retirouse ao mosteiro de Celanova para adicarse exclusivamente. Morrerá aquí o 1 de marzo do 977. Despois da súa morte, a influencia que tiña en vida foi continuada polo monxe Ordoño, qu e como dixemos recollerá os seus milagres e trasmitirao ás comarcas e ás súas xentes. Ata o 1170 non comeza o proceso de beatificación de San Rosendo, enviando a súa cabeza a Roma prometendo trocala por un Lignum Crucis e unha espiña da coroa de Cristo. Foi finalmente Celestino III no ano 1196 quen remata dita beatificación.

 

Última actualización ( Luns, 18 de Xuño do 2012 )