| Medio Natural |
|
|
|
|
A Terra de Celanova é un espazo de gran mobilidade topográfica e ampla variedade litolóxica; confórmana unha sucesión de superficies chairas a distintos niveis, resultado da degradación imposta pola rede fluvial. Poderemos dividir dúas grandes unidades xeográficas con límites difusos: unha é a conca do río Arnoia e outra os contrafortes dos montes de Laboreiro. Este contraste topográfico agocha unidades paisaxísticas de inigualable beleza; formas rugosas de diferentes altitudes atravesadas por regatos e cubertas con variados mantos vexetais que dan un toque de diversidade cromática. Ideal para amantes da natureza e o sendeirismo. Atopamos árbores que suponen verdadeiros fitos herdados de épocas pretéricas, coma carballeiras ou fragas, que nalgúns casos danse asociadas ao piñeiro (especialmente no sector norte). Estas árbores abrazan os regatos e bordean pasteiros e cultivos; destacamos o cultivo da vide, debido á proximidade do Ribeiro na desembocadura do Arnoia no Miño), observando numerosos socalcos construidos para reter a terra nas ladeiras de forte pendente. Nas zonas de maior altura áchanse verdadeiros xardíns naturais de matogueiras compostas por uces, xestas e afloramentos rocosos.
A presenza dunha ampla rede fluvial dalle á comarca un enorme valor natural, así como ecolóxico e didáctico; as carballeiras dos ríos Arnoia e Deva poden ser catalogadas como espazos de interesa natural. A vexetación nas proximidades do río Grande (Quintela de Leirado), do río Cexo e do río Esmoriz (Verea) está tamén formada en maior medida por bosques de carballo pero con numerosos exemplares de cerquiño. Atoparemos bosques pueros de cerquiño máis ó sueste de Verea. O alto da Basteira e a Penagache (dentro dos montes do Laboreiro), e o Alto da Moa constitúen os puntos de maior altitude da comarca, ademáis de destacar pola súa riqueza faunística (sobre todo de aves). Parque Natural “Baixa Limia-Serra do Xurés” Ben coñecido é o espazo natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, (lindando con Quintela de Leirado e Verea) por ser un recuerso turístico natural con grandes valores ambientais, paisaxísticos, xeomorfolóxicos e didácticos. Está protexido baixo a figura de Parque Natural e contitúe unha zona de transición entre a vexetación florística atlántica e mediterránea. Combínanse nel árbores caducifolias con sobreiras e érbedos. A fauna confórmana moitas especies mamíferas (corzo, gato montés, garduña, xeneta...) e de aves. Este parque ten continuidade pola parte norte de Portugal, chamándose éste Parque Nacional de Peneda-Gerês; dase entón unha xestión ambiental conxunta entre os dous países constituíndo un exemplo a seguir por outros espazos de similares características.
|
|
| Última actualización ( Martes, 19 de Xuño do 2012 ) |



