Ir arriba

Información sobre Cartelle

Superficie: 94,3 km²
Poboación (INE 2015): 2852 habitantes.

Cartelle é un dos municipios ourensáns regados polo río Arnoia, emisario pola esquerda do Miño. Abarca unha extensión de 93,94 quilómetros cadrados, encadrándose no extremo suroccidental da Depresión de Ourense que forma un amplo chanzo intermedio entre o Val do Miño ao norte e as altas terras do sur da provincia.

A historia de Cartelle lévanos ineludiblemente a falar de Celanova e o seu mosteiro benedictino que, xunto a outros, exerceron gran influencia e foron os motores da economía da Galicia rural na Idade Media.

A xurisdición do mosteiro estendíase por toda a comarca e amplas zonas da provincia e de fóra dela, establecendo priorados que recadaban rendas. Na zona próxima ao Miño, os monxes estimularon o cultivo do viñedo. Proba da súa influencia son as ruínas do antigo castelo de Sande, que foi cedido ao mosteiro por Alfonso VII no século XII. O abade do mosteiro acumulou varios títulos; conde de Bande, marqués da Torre de Sande e capelán da Casa Real..

O territorio é unha superficie de erosión desenvolvida entre as máximas alturas, situadas no extremos noroeste, Coto de Novelle de 718 metros e nordés Alto do Castro con 635 metros. Ao sur, o Val do río Arnoia é a unidade xeográfica fundamental cara ao que aflúen numerosos emisarios.

Trátase dun terreo esquistoso e alterable, polo que os procesos de erosión evidencianse na paisaxe; a abundancia de cursos de auga compleméntase cunha multiplicidade de lombas e suaves montículos distribuídos por todo o territorio.

Os afloramentos de granito nas proximidades do municipio de Arnoia, favorecen ao encaixamento do río, debuxando, en consecuencia, un val profundo e pechado de valor paisaxístico.

A zona está cuberta no seu maior parte por un tapiz forestal a base de coníferas. No medio aparecen pequenos "illotes" de terreo cultivado alternando con pastos que, en moitos casos, circundan os núcleos de poboación máis importantes.

Sobre a súa situación económica é importante que a forte tradición migratoria de hai algúns anos aínda se mantén. No ano 1950, o municipio case alcanzaba os nove mil habitantes. Desde entón, as saídas foron continuas pero, cada vez máis, establécense movementos diarios de traballadores que se ocupan preferentemente no sector dos servizos da capital ourensá.

Cartelle é un dos municipios que conta con maior superficie de concentración parcelaria da Comarca. Isto explica a existencia dunha gandería máis evolucionada e cunhas explotacións que son as de maior dimensión.

Polo demais, algunhas empresas da construción e o aproveitamento dos recursos forestais completan o panorama socioeconómico do municipio. Conta cunha abundante superficie de monte comunal, Coto do Castro, susceptible dunha intensa repoboación forestal.

O río Arnoia, que baña todo o sector meridional do municipio, ademais dunha paisaxe silvestre e frondosa, ofrece a posibilidade de practicar o deporte da pesca.

Parroquias: Esta composto por 12 parroquias que se comunican entre elas grazas ás estradas locais. Son: Anfeoz (Santa Baia) , As Marabillas (Nosa Sra. das Marabillas) , As Seixadas (San Xoán) , Cartelle (Santa María) , Couxil (Santa María) , Espiñoso (San Miguel) , O Mundil (Santa María) , Penela (Santiago) , Sabucedo de Montes (San Pedro) , San Tomé (Santa María) , Sande (San Salvador) , Vilar de Vacas (Santa María).

Mosteiro de Celanova
Torre de Vilanova dos Infantes
Hórreo
Vilanova dos Infantes
Hórreos en A Guía (Gomesende)
Mercado de Celanova
Torre de Sande (Cartelle)
Mosteiro de San Pedro en Ramirás

Cada viaxe é unha nova ilusión. Descobre ¡Terras de Celanova!

Teléfono de contacto

988 45 16 46

CONTACTO

HORARIO DE ATENCIÓN

  • Luns a venres: 9:00 a 14:30

AVISO LEGAL  |  POLÍTICA DE PRIVACIDADE  |  POLÍTICA DE COOKIES

Copyright © 2016 Mancomunidade Terra de Celanova - Todos os dereitos reservados  |  Zona privada  |  Web realizada por Grupo5.com

As cookies permítennos ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, acéptase o uso que facemos das cookies. ACEPTAR  pulsar aqui para máis información.