MANCOMUNIDADE
TELÉFONOS DE INTERÉS
Superficie: 94,6 km²
Población (INE 2015): 1042 habitantes.
A capital do municipio está en Carballo. É un municipio coma todos os da comarca, eminentemente rural, e paseando por os seus sendeiros podemos observar típicas casas de labranza.
Municipio de montaña no que as alturas superan frecuentemente os mil metros, e as súas zonas baixas están a unha altitude non inferior aos setecentos, presenta un notorio atractivo para o turismo rural. Belas paisaxes obsérvanse ao longo de toda a xeografía do termo municipal, sobre todo no suroeste, nas proximidades do Parque Natural de Peneda Xêres. Isto permite expor como alternativa turística distintas rutas para poder gozar da paisaxe, algunha delas a pé.
Áchase no municipio unha das mámoas máis grandes descubertas en Galicia: a mámoa de Mota Grande con interesantes pinturas e gravados. Da época castrexa e da romanización quedan o castro de Orille e a calzada romana.
Unha falla de dirección NO-SE, ó Leste do río Grande divide o municipio. Polo SE coincide coa divisoria de augas entre o Limia e o Arnoia. Os seus principais ríos son o Grande, o Cexo e o Orille, afluentes do Arnoia, onde hai restos dun muíño que constitúe unha das paraxes máis bonitas da zona. Os ríos, especialmente o Orille, constitúen a gran riqueza do municipio, xa que non é desdeñable a súa fama como río troiteiro ao que acoden numerosos amantes da pesca. Precisamente aproveitando esta marabillosa fonte de riqueza natural, creouse a área recreativa de Os Fondás (Nigueiroá), que posúe todos os alicientes para disfrutar dun bo día de campo: merendeiro, piscina, praia fluvial, pista de tenis.
Entre o monte Penagache, un dos picos máis importantes desta comarca, e o monte Lobaqueiros, podemos disfrutar dun fermoso cañón, un dos accidentes xeográficos máis interesantes da zona.
Situado a 32 Km de Ourense, accedemos ao municipio pola estrada OU-540 Ourense-Portugal. Precisamente a súa orixe etimolóxica significa "camiño", ao atoparse no "camiño portugués" de Celanova, que a súa vez é unha antiga vía romana de carácter secundario, que saía de Aquis Querquensis penetrando no municipio polo alto de "O Vieiro"; para outros autores o nome Verea procede de "Venoriu", relacionado con minas. E, en boa medida, o futuro desenvolvemento do municipio vai estar intimamente ligado á súa condición de lugar de paso, xa que por el pasa a nova estrada que se dirixe a O Porto pola futura canle azul de A Magdalena.
Na serra do Leboreiro, que marca a fronteira con Portugal e onde están as máximas cotas, encontramos algúns restos megalíticos, entre os que destaca unha necrópole de mámoas con cámara funeraria. Así mesmo, nas ladeiras do Penagache estanse realizando unha serie de excavacións arqueolóxicas que permitirán encontrar restos prerromanos, mostra evidente do densamente que estaba poboada a comarca dende a Prehistoria.
Por Verea pasa un dos itinerarios romanos de Galicia. Non obstante, os indicios da romanización non se cinguen exclusivamente á calzada, se non que hai restos dun campamento romano, coñecido como A Cividá. Preto deste campamento encóntrase a ermida de San Trocado, famosa pola súa lenda recollida por Ambrosio de Morales na súa obra Viaxe Santo, á que da lugar un milagre de San Rosendo. Uns portugueses que roubaran as reliquias de Celanova quedaron paralizados no lugar onde hoxe se levanta a ermida. Esta ermida, durante moito tempo esquecida, encóntrase hoxe en vías de restauración.
Verea é terra de paso, camiño de peregríns portugueses que se dirixen a Santiago aproveitando a antiga calzada romana. O seu número debeu ser o suficientemente importante para que, a comezos do século XII o abade de Celanova e o prior dos Templarios de Veiga proxectaran a construción conxunta dun hospital para os peregríns que se dirixían a Santiago a gañar o xubileo. Descoñecemos se este hospital chegou a ser unha realidade ou quedou en simple proxecto.
Pola súa condición de lugar de paso entre dous estados, España e Portugal, a historia e o desenvolvemento do municipio están fortemente influenciados polo carácter de "marca". As distintas guerras entre os dous países deixaron pegada na zona. Hoxe en día, a nova estruturación de Europa permite substituír as vellas rivalidades entre os Estados por unha relación cordial entre veciños, existente desde sempre na poboación.
Parroquias: Albos (San Mamede) , Bangueses (San Miguel) , Cexo (Santo Adrao) , Domés (San Martiño) , Gontán (Santo André) , Ourille (San Pedro) , Pitelos (Santa María) , Portela (Santa Baia) , Sanguñedo (San Salvador) , Santa María de Cexo (Santa María) , Verea (Santiago).
Cada viaxe é unha nova ilusión. Descobre ¡Terras de Celanova!
Teléfono de contacto
988 45 16 46
CONTACTO
HORARIO DE ATENCIÓN
AVISO LEGAL | POLÍTICA DE PRIVACIDADE | POLÍTICA DE COOKIES
Copyright © 2016 Mancomunidade Terra de Celanova - Todos os dereitos reservados | Zona privada | Web realizada por Grupo5.com